As Nosas Músicas
As Nosas Músicas nace na parroquia estradense de Couso,
da man da Asociación A Xesteira, como festa en homenaxe
á música tradicional galega e coa intención de ser unha alternativa
ás festas animadas só por orquestras.
Todo comezou en 1996, cando un grupo de integrantes
da asociación coincidiu na comisión de festas da parroquia.
Conscientes de que as verbenas comezaban a perder público
e de que había alternativas na tradición musical que nos é
propia, decidiron probar sorte nesta outra área, a da música
tradicional de Galicia.
Deste xeito, procurouse un tipo de festa que agradase a
persoas de todas as idades, cunha proposta nova para Couso
e, naquel momento, para a maioría do mundo rural. O resultado
foi moi positivo dende o principio: en cada edición, As
Nosas Músicas congrega durante unha noite a preto de
3.000 persoas, incluíndo veciñanza e visitantes.
Este é xa un evento imperdible para xentes de Couso, A
Estrada e toda Galiza, o que fai que ano tras ano se consolide.
Co tempo, fóronse engadindo actuacións e actividades complementarias
relacionadas coa música e co baile tradicionais,
como os obradoiros, as charlas e as presentacións, que,
ademais de enriquecer cada edición, axudan a que non se
perdan e se coñezan distintas artes populares.
Con todo isto, As Nosas Músicas convértese nunha xornada
de diversión, goce, tradición e convivencia de xentes
que rematamos tocando e bailando ata o amencer no campo
da festa de Couso.
Podes ler máis sobre cada edición de As Nosas Músicas, premendo sobre cada cartel.
























